2012/05/18

E así lle vai indo ás nosas letras!




"O caso é que hoxe comendo, esganeime cunha argana. E cando falei non dixen tal, senón que dixen que "tragara unha espiña". Quedei pensando na razón pola que sempre lle sentira á miña avoa dicir "tén coidado coas arganas" cando comiamos peixe e, porén, a miña nai me transmitiu a min a palabra "espiña" no canto da correcta e fermosísima "argana". E púxenme a pensar en todas cantas palabras lle sentira á miña avoa e que a miña nai xa non dicía, cambiándoas por outras máis "españolas"


A avoa dicía "rolla" para referirse ao que hoxe a miña nai chama "trapo". A avoa falaba de varrer o curral coa "vasoira", hoxe varrémolo coa "escoba". Á avoa a "saia" quedáballe grande ou pequena, pero a miña nai arranxáballe a "falda". A avoa se caía "escordaba" un artello, a mamá "tórceo". A avoa precisaba dos "lentes" para ler, pero a miña nai acaba de mercar unhas "gafas" moi chulas.

E asi, paseniño, sentir falar á miña avoa e á miña nai a un tempo faise moi duro, porque é coma se falaran idiomas distintos. É coma se houbese algo que fixese que se perdesen tantas e tantas expresións e palabras que hoxe ás veces sí que da a sensación que o que falamos é un dialecto do español. E nada máis lonxe da realidade. Temos un idioma fermoso e rico que se nos vai esvarando entre os dedos. Entre @s que tentan eliminalo e @s que tratamos de evitar tal crime, están @s que non fan nada. Seguirán a esperar mirando ou van tomar partido? Deixarán morrer unha parte de nós dun xeito tan sinxelo?


O dito, coidado coas arganas!"

Sem comentários:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.